Os campaniformes en San Antón

domingo 08 maio 2011

Nestes días celébrase no Mosteiro de Poio (Pontevedra) un Congreso Internacional sobre o Vaso Campaniforme, organizado cun traballo certamente ímprobo pola Dras. Pilar Prieto, da Universidade de Santiago e Laure Salanova.

 
Dende hai tempo estaba inscrito no Congreso, no que esperaba actualizar coñecementos nese campo en tempos tan próximo e hoxe tan abandonado.

E dende os primeiros deseños do Congreso, no seu programa incluiuse media xornada de viaxe de estudo con dous puntos de parada: o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (A Coruña) e o Monumento Megalítico de Dombate. 

O Museo está en obras. Non fun nin son eu o responsable delas. Facendo unha ponte máis longa que a de Rande, o Servicio de Cultura encargou no seu momento a remodelación das sás de arqueoloxía da planta baixa do Castelo á entón Axudante de Museos Dra. Begoña Bas, deixándome consciente e voluntariamente ao marxe e impedíndome exercer as miñas obrigas legais ao manterme apartado da dita remodelación por orde, según dixo o entón Xefe de Servizo Emilio Domínguez, da Concelleira de Cultura. Por ese enfoque viciado dende o comezo perdéronse cartos e tempo, como estaba cantado. Meses, bastantes meses despois, púxose fin a esa anómala e ilexítima situación, unha das moitas nas que se configurou o acoso moral do que fun (e cecais son e serei) obxecto durante os últimos dous anos.

Un, mal que lle pese (a min e a outros e outras), é un profesional. Mesmo afirmo que son un bo profesional. Por iso, ainda que no papel non figure o meu nome como responsable das obras, síntome moral e profesionalmente responsable de que, cando menos, non se faga unha falcatruada no Castelo de San Antón. E así, contando coa axuda dos últimos becarios que pasaron polo Museo (María, Ana, Rosa e Xes), dimos a volta a un proxecto que se encamiñaba ao desastre e hoxe, coa impresionante producción da empresa Artifacto, estase no bo camiño.

Pero o Museo está en obras. As vitrinas están valeiras, arrumbadas no centro das sás, os obxectos embalados en caixas, mentras se panelan as paredes; unha solución que fora anatematizada pola ex-Axudante de Museos nunha absurda decisión tomada ás miñas espaldas. Con orgullo podo dicir que, tras corrixirse esa anómala situación, está quedando de maravilla.

Onte era o día da visita dos congresistas ao Museo. A punto estivemos de cancelala, debido ao estado das cousas que comentamos. Pero era mágoa que os congresistas, expertos no Campaniforme e no complexo mundo no que dito fenómeno se desenvolve, quedaran se poder ver os materiais que o Museo custodia.

Así, entre a Dra. Rosa Brañas, que prestou xenerosísimamente a súa valiosa contribución, e máis eu, e sempre coa axuda de Artifacto, preparamos unhas cantas vitrinas ex professo para os ilustres e sabios visitantes. Os contidos foron:

  • (1) Nunha vitrina de pé, os materiais dos Monumentos de Dombate.
  • (2) Noutra vitrina de pé enfrontada a ela, os dos Monumentos de A Parxubeira.
  • (3) Nunha vitrina de mesa, a práctica totalidade dos fragmentosde Campaniforme atopados na provincia da Coruña, entre os que salientamos o estupendo fragmento da Cova do Cebro, no monte Pindo, recuperado polo Grupo de Espeleoloxía "Maúxo" ; un magnífico exemplo da utilización das cavidades graníticas estudadas polo Catedrático de Xeoloxía e director do Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal", Dr. Vidal Romaní.
  • (4) Noutra virtina de pé, diveros materiais relacionados co mundo do megalitismo final, campaniforme e bronce inicial: os materiais do "horizonte Rechaba" de San Xoan de Alba e Outeiro de Rei, o campaniforme liso do Buriz, o enxoval da Cista de Carnota e as mazas de Meirama e "Os Redondos".
  • (5) Finalmente, nunha vitrina de mesa, o conxunto de armas de cobre do depósito de Leiro, coa súa impresionante alabarda.
 Ás catro da tarde de onte, sábado, chegaron os dous autocares do Congreso. En catro turnos sucesivos, os estudosos do Campaniforme puideron ver os materiais seleccionados, guiados polas sabias explicacións de Pilar Prieto, de Manolo Lestón, e as moito menos sabias de min mesmo.

Espero que a visita fose positiva. Para min o foi, mesmo se Rosa Brañas non puidese estar debido a outras ocupacións. Ademáis do sempre placentero contacto e discusión con colegas de moitos lugares, ás veces tan afastados como a República Checa, tiven a alegría de atoparme con Manolo Rojo Guerra, profesor da Universidade de Valladolid, ademais de con amigos de aquí, moitos deles colaboradores de Elviña cando eran estudantes, ou con John, encarregado agora da traducción simultánea (¡qué pedazo profesional!) como antes o fora na visita que o representante do ICOMOS fixera á Torre de Hércules durante o proceso de declaración como Patrimonio Mundial.

A todos eles a miña gratitude. Con todo o follón quedei sen ir ao congreso, pero penso que pagou a pena.






os comentarios foron deshabilitados.